As escavacións arqueolóxicas volven ao Castro da Saceda

  • A sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Cualedro e a Universidade de Vigo permitirá a participación de 5 alumnos en prácticas formativas en Arqueoloxía.
  • A campaña deste ano terá lugar entre o 16 de agosto e o 16 de setembro.
  • Labores de mantemento e a escavación arqueolóxica das testemuñas da intervención de 1986 centrarán os traballos. Visitas guiadas, obradoiros formativos e conferencias permitirán achegar a intervención a calquera persoa interesada, sexa cal sexa a súa idade ou coñecementos sobre a Cultura Castrexa.
SA-86 38c1 -3-

Escavación arqueolóxica (imaxe 1986) motivo de intervención neste ano 2016

Un ano máis o Concello de Cualedro aposta por avanzar na recuperación do Castro da Saceda. Un poboado fortificado de máis de 2000 anos de antigüidade declarado Ben de Interese Cultural sito aos pés da Serra do Larouco e a poucos quilómetros da fronteira lusa.

A campaña arqueolóxica, que este ano contará con varios alumnos en prácticas formativas grazas a un convenio de colaboración asinado coa Universidade de Vigo, terá lugar entre o 16 de agosto e o 16 de setembro. Neste período o equipo dirixido polo arqueólogo e investigador Martiño Xosé Vázquez procurará recuperar a información reservada nas escavacións dos anos 80 dirixidas polo catedrático de Historia Antiga Antonio Rodríguez Colmenero.

“A nosa intervención deste ano céntrase fundamentalmente en recuperar toda a información posible das testemuñas do ano 1986. Algo así como cápsulas do tempo que os arqueólogos deixamos nas nosas escavacións para que outros compañeiros no futuro con mellores tecnoloxías podan interpretar os nosos datos.”

Actuacións de mantemento e conservación permitirán seguir avanzando na mellora da accesibilidade e da interpretación do poboado prehistórico. Visitas guiadas, obradoiros formativos e conferencias complementarán a intervención para achegar a historia e arqueoloxía a calquera persoa interesada, sexa cal sexa a súa idade ou coñecementos sobre a Cultura Castrexa.

Deixar un comentario