As escavacións arqueolóxicas volven ao Castro da Saceda

  • A sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Cualedro e a Universidade de Vigo permitirá a participación de 5 alumnos en prácticas formativas en Arqueoloxía.
  • A campaña deste ano terá lugar entre o 16 de agosto e o 16 de setembro.
  • Labores de mantemento e a escavación arqueolóxica das testemuñas da intervención de 1986 centrarán os traballos. Visitas guiadas, obradoiros formativos e conferencias permitirán achegar a intervención a calquera persoa interesada, sexa cal sexa a súa idade ou coñecementos sobre a Cultura Castrexa.
SA-86 38c1 -3-

Escavación arqueolóxica (imaxe 1986) motivo de intervención neste ano 2016

Un ano máis o Concello de Cualedro aposta por avanzar na recuperación do Castro da Saceda. Un poboado fortificado de máis de 2000 anos de antigüidade declarado Ben de Interese Cultural sito aos pés da Serra do Larouco e a poucos quilómetros da fronteira lusa.

A campaña arqueolóxica, que este ano contará con varios alumnos en prácticas formativas grazas a un convenio de colaboración asinado coa Universidade de Vigo, terá lugar entre o 16 de agosto e o 16 de setembro. Neste período o equipo dirixido polo arqueólogo e investigador Martiño Xosé Vázquez procurará recuperar a información reservada nas escavacións dos anos 80 dirixidas polo catedrático de Historia Antiga Antonio Rodríguez Colmenero.

“A nosa intervención deste ano céntrase fundamentalmente en recuperar toda a información posible das testemuñas do ano 1986. Algo así como cápsulas do tempo que os arqueólogos deixamos nas nosas escavacións para que outros compañeiros no futuro con mellores tecnoloxías podan interpretar os nosos datos.”

Actuacións de mantemento e conservación permitirán seguir avanzando na mellora da accesibilidade e da interpretación do poboado prehistórico. Visitas guiadas, obradoiros formativos e conferencias complementarán a intervención para achegar a historia e arqueoloxía a calquera persoa interesada, sexa cal sexa a súa idade ou coñecementos sobre a Cultura Castrexa.

Advertisements

Campaña 2016: Prácticas formativas en Arqueoloxía

  • Un ano máis o Concello de Cualedro aposta por avanzar na recuperación do Castro da Saceda. O mantemento, a limpeza e a escavación arqueolóxica das testemuñas da intervención de 1986 centrarán os traballos.
  • Como novidade este ano asinouse un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo que permitirá a participación de alumnado en prácticas formativas en Arqueoloxía. PREME AQUÍ PARA IR Á FICHA DE INSCRICIÓN
  • A campaña comezará o 16 de agosto e rematará o 16 de setembro.
_MG_5395.jpg

Fotografía: Mani Moretón

Un ano máis, e imos pola terceira campaña consecutiva, a actividade tornará ao Castro da Saceda entre os meses de agosto e setembro. Esta intervención arqueolóxica, ao igual que a executada nas campaña dos anos 2014 e 2015 enmarcase nun proxecto de investigación de maior envergadura polo que se están estudando todos os materiais recuperados, reelaborando planimetrías e analíticas das escavacións realizadas nos anos oitenta para a redacción dunha futura publicación monográfica sobre o xacemento na que xa estamos a traballar. 🙂

Desta volta pretendemos rozar e limpar todo o recinto, principalmente o denominado Sector Intermedio do castro que concentrará a escavación arqueolóxica, pero tamén como complemento e recordatorio das actuacións pasadas. Asemade procuraremos afondar na proposta de socialización do conxunto iniciada en 2015 coas Xornadas de Arqueoloxía e Xeoloxía de Cualedro.

Como novidade este ano asinouse un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo que permitirá a participación de alumnado en prácticas formativas en Arqueoloxía (titulacións en Historia, Xeografía e Historia, Historia da Arte, Patrimonio, Conservación/Restauración ou semellantes).

A participación pode ser durante o mes completo (24 días laborables) ou ben por quendas de medio mes (1ª quenda do 16 ao 31 de agosto; 2ª quenda do 1 ao 16 de setembro). O alumnado admitido disporá de transporte diario dende Ourense (Ourense-Allariz-Xinzo-Saceda-Xinzo-Allariz-Ourense) e comida de balde durante os días laborables. 

Se queres participar, terás que cubrir e enviar a seguinte ficha de inscrición. Prazo límite de envío: 31 de xullo. A listaxe de admitidos e suplentes se vos comunicará por correo electrónico o 1 de agosto.

PREME AQUÍ PARA IR Á FICHA DE INSCRICIÓN